Wednesday 08 de May de 2024

A Pobra estrea nova proba deportiva con compoñente solidario a favor de Anedia


Deporte e solidariedade únense na I Carreira Solidaria Móvete Pola Diabetes que terá lugar na Pobra do Caramiñal no 9 de xullo para conmemorar así o centenario da primeira inxección de insulina subministrada a un neno con diabetes tipo 1, no 23 de xaneiro de 1922, e que ata aquel momento era unha doenza mortal.

Preténdese así dar visibilidade e informar sobre a diabetes, que afecta a un 14% da poboación española, ademais de ser unha proba con índole benéfica a favor da Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia) que se organiza xunto coas Concellarías dos Deportes e da Sanidade, ademais da Deputación da Coruña, en colaboración coa Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo.

Ao acto de presentación asistiron a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); a súa homóloga da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); a técnica municipal dos Deportes, Ana Romero; a presidenta da Anedia, María José Rego; e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure.

O circuíto habilitarase no tramo de fachada marítima comprendido entre a praza Alcalde Segundo Durán e o peirao comercial. A cita arrancará a partir das 20.00 horas e comprende as categorías dende a sub-6 ata a máster 6, que deberán completa-la distancia que lles corresponda segundo a modalidade.

A saída establécese na rúa Fernández Albor e a meta no interior da referida praza, onde, coa colaboración de varias entidades, se desenvolverán de xeito paralelo as seguintes actividades, outorgándolle á carreira tamén un compoñente formativo: zona de control de saúde efectuada por persoal do Hospital da Barbanza e do P.A.C. pobrense; de nutrición; de saúde e fisioterapia; e de deporte e actividade física.

Poderán participar todas aquelas persoas que practiquen deporte, independentemente de que estean federados/as ou non. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 6 de xullo a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. Será de balde para as categorías menores e cun prezo de 6 euros para as adultas. Tamén se dispón do dorsal 0, para quen non poida participar, pero desexe igualmente face-lo seu donativo. O recadado irá destinado a subvenciona-los campamentos de verán organizados por Anedia.